Moitas veces a xente refírese a Esgrima Escénica como unha esgrima falsa ou non realista. Moitas veces temos escoitado dun alumno que practica HEMA que o exercício que está facendo non se pode reproducir nun combate real. Hai algún tipo de conexión entre estes dous casos?
A performatividade en termos artísticos é a búsqueda do sensorial, ou a preocupación polo que percibimos. Cando vemos un espectáculo performativo o foco ou peso da importancia da peza está na acción. Falando en termos referidos aos intérpretes podemos sinalar unha destas accións, o movemento. Pensemos nunha danza tradicional. Cal é o sentido desa danza mais que a propia danza? Os movementos que se realizan non buscan emular nada, nin contar nada. Son so movementos. Codificados dunha maneira concreta e realizados dunha maneira concreta. E non por iso carecen de beleza.
As accións en si mesmas posuen beleza. As accións por si mesmas importan. Esa é a lección da performatividade. Son irreais os movementos realizados nunha danza? Acaso non está sucedendo nese intre? Non o estamos percibindo?
A danza é un conxunto de movementos coreografiados aos que habitualmente acompaña unha música. Pero podemos coreografiar moitos tipos de movementos ata o punto de que non teña sentido diferenciar entre o que é danza e o que non. Deixando como único válido o concepto do movemento e a coreografía. Un exemplo disto seria Café Müller de Pina Bausch (recomendo visionar a secuencia do minuto 11:08 ao 15:47)
Eses movementos, esa coreografía, tamén a podemos realizar cunha espada na man. Podemos recoller os movementos que os tratados históricos nos propoñen e transcribilos fisicamente para darlle un corpo. Eses movementos teñen esencia en si mesmos, igual que os da danza. Cal é o sentido dese movemento mais que o propio movemento en si. Eses movementos non buscan emular nada. Non os estamos percibindo? Son irreais?
Cando estudamos esgrima histórica facémolo a través de exercicios que nos permitan experimentar as accións dun xeito seguro. Moitas veces teño escoitado referirse a isto como facer os movementos de maneira irreal, para poder estudalos. Pero como estudaban os alumnos do séculos XIV esgrima? Cortábanse entre eles ao practicar?
Por suposto que na prática da esgrima eliminamos unha das súas finalidades. Matar, ferir ou dañar quedan fora da práctica diaria. Pero, por un lado tamen quedaba fora dos estudos dos alumnos do s.XIV e polo outro, matar non é a única finalidade da esgrima.
A esgrima entendida como ocio tamén existía. Antes incluso de que Meyer publique os seus tratados. Antes incluso de que Lutergus pousara a pluma sobre o que seria despois o I.33. Antes incluso da caida de Roma, a esgrima xa se concebía como ocio. E tamén como feito escénico.
O caracter performativo da esgrima estivo presente nela dende o seu comezo. Unha das súas representacións mais explícitas son os Floreos. Conxuntos de movementos deseñados para a exhibición. As demostracións de esgrima, tanto as modernas como as históricas tamén conta cun carácter performativo. Pero é que incluso a hora de matar a través da espada aparece este caracter.
Cando pensamos na performatividade da esgrima sempre a analizamos dende o punto de vista dun obxervador externo, un público. Pero que sucede cando queremos realizar unha finta? Unha finta é un movemento de engaño que parte de facerlle ver ao contrario que imos formar unha acción para logo mudala por outra. Para conseguir isto teñen que suceder varias cousas. A primeira é que temos que conseguir que o rival crea que imos realizar esa acción. A única maneira de realizar isto é realmente levar a cabo esa acción e no último momento posible transformala. Se o facemos antes o rival vaise poder adiantar a nos. Se o facemos despois, xa non poderemos volver atrás. Pero e que para que isto suceda, o rival ten que entender o que estamos facendo. Isto precisa que non realicemos a ación demasiado rápido, por que ten que poder leela. Pero tamén que realicemos unha acción que o rival saiba leer, que poida comprender o noso idioma esgrimístico.
Mais ala disto a performatividade tamén asume dentro da súa definición o concepto do rito. O rito non deixa de ser a repetición dunha acción ou a súcesion de accións coreografiadas. Certo é que no rito comeza a introducirse a metáfora e o símbolo como elementos imprescindibles para a súa realización, pero a acción segue sendo o foco. Sabendo isto ainda mais elementos da HEMA pasan a estar impregnados de performatividade. Se pensamos no duelo por exemplo, todos os pasos previos ao mesmo, o propio duelo e o resultado da liza están codificados. Case formando un rito. E polo tanto cunha carga performática importante. Por poñer uns exemplos, temos a necesidade de afirmar tres veces a túa inocencia ante un tribunal na Francia Medieval. A colocación de ramas de abelaeira o redor do cuadrilátero do Holmgang. Ou todas as obrigas do padriño nos duelos mais modernos.
Cando aplicamos os exercícios de katas ou drills ao aire no estudo das HEMA non deixamos de aplicar un exercicio de floreo, e polo tanto, estamos usando a esgrima escénica no noso estudo práctico. Cando traballamos exercicios por parellas estamos integrando unha coreografía no noso proceso educativo. Estos exercícios son aplicables a un combate libre? Por suposto que non. Pero nun combate libre debemos buscar aplicar estes conceptos estudados de forma coreografada.
Usase o mesmo idioma falado que o que se estuda nas escolas? Por suposto que non. Pero o estudo das formas lingüísticas axúdanos a entendernos e danos capacidade de improvisación nos entornos de uso cotia.
Os exercícios achegan ferramentas que devemos interiorizar. E que teñen mais obxectivos de aprendizaxe que so o mero estudo da acción concreta que se realiza. Ademais de que estes exercícios non deixan de ser a aplicación da performatividade da esgrima escénica ao estudo das HEMA. E como xa vimos, isto non é algo novidoso, se non que sempre formou parte da esgrima como tal. Do seu proceso educativo, das súas finalidades e esencias.
Como exemplo final, deixovos aquí un drill de estudo sobre a espada de Due Mani da Opera Nova de Achille Marozzo.