Garda é unha palabra que pode ter moitos significados e que en esgrima usaremos moito e para referirnos a moitas cousas diferentes. Por exemplo, a garda pode ser a parte da espada que se compon de Virotes, Mango e Mazá. Mais tamén pode ser unha “postura” dende a que iniciar unha acción. Ou tamén pode ser un “momento” que debemos recoñecer para reaccionar ante o rival. E tamén pode ser unha “posición defensiva” a que recorrer en momentos de perigo.
En alemán, e en concreto na tradición das Kunst des Fechtens, hai diferentes palabras para referirse a estes conceptos que, aínda que se parezan, son tremendamente diferentes entre si. Cando en alemán falan de “postura” denomínano Hutten. Cando falan de “momento” usan Leger. E cando se refiren as “posición defensivas” mentan as Hengen. Pola contra, no noso idioma, estes conceptos tradúcense habitualmente como: garda, garda e garda. Xa vedes que linda confusión nos queda.
Para limar un pouco toda esta confusión imos botar man dos termos en alemán, xa que son mais específicos para o traballo que queremos desenvolver neste apartado. Así que a partires de agora falaremos de Hutten (posturas), Leger (momentos) e Hengen (posicións defensivas).
As Hutten serían o mais parecido a un concepto popular de garda. En si o que son é posturas dende as que iniciar diferentes movementos. Hai moitas delas e moi diferentes entre si, mais Johanes Liechtenauer (mestre de tradición alemana pai da tradición de Liechtenauer) nas súas ensinanzas instanos a fuxir destas posturas en favor dunha actitude mais ofensiva. Dentro do Zettel (poema atribuído a Liechtenauer) so hai dúas Hutten que se recollen como elementos recomendables de uso. Estas son Ochs e Pflug que conforman as Hengen.
As Hengen son as posicións defensivas que o Zettel sinala como elementos aos que acudir cando o combatinte esté en perigo. Cando unha acción sucedeu de maneira insatisfactoria, o que Liechtenauer recomenda no seu poema e sair da situación comprometida, acudir as Hengen e dende aquí analizar ao noso combatinte para voltar a intentalo.
Desta maneira podemos definir que Hutten é o que non debemos facer mentres que Hengen é o que, segundo o Zettel, si deberíamos facer.
Para as leger imos facer un apartado propio xa que o matiz que as diferencia é o que vai a articular logo gran parte do contido do Zettel.
Do mesmo xeito que da totalidade das Hutten extraemos dúas que nos son útiles para conformar as Hengen, e dicir o que nos debemos facer, o Zettel volve a recoller catro Hutten para explicarnos o que debemos recoñecer.
Liechtenauer a traves do Zettel amosanos que faga o que faga o inimigo podemos definilo en: Coiteladas dende arriba, coiteladas dende abaixo, estocadas dende arriba e estocadas dende abaixo. Para que saibamos enfrontarnos a isto o que propon é que saibamos recoñecer de onde saen estes ataques. Para iso recolle as Leger, que son catro momentos, catro puntos cardinais, que debemos recoñecer durante o combate para saber que ataque vai vir cara nos e poder enfrontalo da maneira mais adecuada. Estes catro momentos son: Vom Tag, Ochs, Pflug e Albert.
Certo é que Ochs e Pflug conforman tamén as Hengen. Como pode ser que Liechtenauer nos aconselle usar estas posturas como defensivas e o mismo tempo recoñecelas como momentos aos que atacar? Isto debese a como afronta o concepto.
Mentres que a Hengen son lugares aos que recorrer, as Leger son momentos aos que atacar. Fixádevos que a escolla de palabras non e baladí, xa que un momento non ten por que ser un lugar fixo, se non unha acción en transición. Mentres que lugar é un espazo ao que recorrer. Por nada do mundo debemos quedarnos estáticos nas Hengen, mais sempre serán os lugares mais seguros aos que acudir de entre todos os posibles.
Desta maneira o que queda claro e que debemos de fuxir dos conceptos de Guardia de forma xenérica, tanto cando ensinemos esgrima como cando fagamos escénica, xa que este termo xenera estatismo. Debemos falar de momentos, transicións, estados, puntos… Conceptos que nos leven a pensar en movementos e mutabilidade. Xa que esta é a lección coa que nos obsequian os antigos mestres.